Thursday 02 de May de 2024

Calvo anima a visitar o Museo de Historia Natural de Ferrol e contemplar un dos esqueletos de balea máis grandes que se conserva en España


A institución provincial achegou 15.600 euros para levar a cabo os traballos de montaxe dos ósos tras unha recuperación iniciada en 2004, cando o mamífero varou nunha praia de Ponteceso

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou hoxe no Museo de Historia Natural de Ferrol a exposición na que se poderá contemplar un dos esqueletos de balea máis grande que se conserva en España.

Acompañado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, xunto a representantes da SGHN, Calvo animou a grandes e pequenos a visitar o resultado final dun proxecto único en Galicia e para cuxo montaxe a institución provincial achegou 15.600 euros.

“É un orgullo ter participado nesta recuperación”, comentou Calvo, quen destacou o importante valor “didáctico” dunha exposición que, na súa opinión, permitirá coñecer de primeira man a historia destes mamíferos.

O presidente provincial agradeceu tamén o traballo levado a cabo por todas as persoas que participaron na recuperación do esqueleto, cuestión que tamén salientou o presidente da SGHN, Serafín González. Ambos lembraron que este tipo de exposicións deben servir para “concienciar” á xente da importancia de protexer a estes animais.
Neste sentido, Calvo destacou o labor “fundamental” que durante anos viñeron desempeñando a Coordinadora Galega de Mamíferos Mariños (CEMMA) e a propia Sociedade Galega de Historia Natural.

Por último, Calvo mostrouse “convencido” de que a exposición, aberta xa ao público, converterase nun bo reclamo para un museo que o último ano recibiu máis de 5.000 visitas. “Sabemos que contar con esta balea, de máis de 18 metros, fará que suba o número de visitantes. A semana que vén xa a temos toda comprometida con excursións de colexios e institutos”, explicou o secretario da delegación ferrolá da SGHN, Paulino Gasalla.

Historia da balea
Coa inauguración desta exposición ponse fin a uns traballos que comezaron no ano 2004 cando a balea, un rorcual común de 18 metros, varou nunha praia de Ponteceso, en Niño do Corvo.

A partir de entón, e a través da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) montouse o dispositivo para retirala, no que participaron dous helicópteros e varios camións para o traslado. Posteriormente iniciouse o proceso para separar a carne do esqueleto, para o que foi necesario enterrar os ósos na area durante dous anos, nun terreo de titularidade municipal en Valón.

O penúltimo paso previo á inauguración da mostra tivo lugar cando membros da SGHN solicitaron o apoio da Deputación para a montaxe do esqueleto. Así, a institución provincial asumiu o 80% do custe dos traballos, 15.600 euros dun total de 19.500.